Inaugúrase na UDC o Congreso Internacional techLING 2019

mércores, 9 de outubro do 2019 Redacción

Hoxe inaugurouse na Facultade de Ciencias da Comunicación da Coruña o Congreso Internacional techLING 2019, organizado polo Campus Innova en colaboración coa Universidade do Minho de Portugal. Na apertura das actividades do congreso, centrado nas tecnoloxías lingüísticas dende o punto de vista da docencia, a comunicación e a gamificación, participou Julio Abalde, reitor da UDC, Luis Hernández, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; Susana Ladra, directora do Campus Innova; e Silvia Araujo, da Universidade do Minho.
O congreso transcorrerá do 9 ao 11 de outubro na Facultade da Comunicación da UDC, no Campus de Elviña. Nesta cuarta edición, tanto os relatorios como as comunicacións e obradoiros versarán arredor do ensino e tecnoloxía das linguas, a gamificación, o eido transmedia e os contidos audiovisuais para o ensino, así como a lingüística computacional e a lingüística de corpus.
Así, impartiranse relatorios e comunicacións sobre modelos pedagóxicos innovadores, a lingüística de corpus, aplicacións da semántica composicional e distribucional ou casos prácticos de gamificación, entre outros temas de interese. Así mesmo, o congreso inclúe tres talleres prácticos sobre cartografía, cadea de bloques (blockchain) e transmedia.

PUBLICIDADE