Infinite Undiscovery estrea en España unha nova serie de xogos RPG para Xbox 360
xoves, 4 de setembro do 2008
Este
venres chega a España Infinite Undiscovery,
un RPG de Square Enix para a Xbox 360 que será un
lanzamento global co que pretenden en boa medida mellorar as vendas
da consola de Microsoft no Xapón, onde tiña moitas dificultades para calar
entre un público que non atopaba un catálogo de xogos adaptado aos seus gustos
(lembremos que os RPG son o xénero por antonomasia no Imperio do Sol Nacente).
Tralo éxito de Tales of Vesperia e o
anuncio de que tamén chegará a saga de Final
Fantasy á Xbox 360, Infinite
Undiscovery poderá ser moi ben recibido por un público que comeza a
entender que este tipo de xogos non se ten por qué limitar só a consolas de
Sony. De feito, Microsoft tamén anunciou que en novembro chegará á súa consola The Last Remnant e na primavera de 2009
será Star Ocean: The Last Hope o novo
RPG que se lance globalmente para a Xbox 360, o que nos dá a entender que se
trata dunha serie de lanzamentos estratéxicos que poden encadear diversión para
os xogadores.
Infinite Undiscovery é un xogo de
acción en tempo real sen campos de batallas separados do contorno de xogo
principal, que nos combates amosa situacións únicas (fuxir de ogros xigantes,
fuxir do ataque de dragóns e incluso loitar durante a chegada dun tsunami),
conta cuns efectos visuais abraiantes e unha banda sonora de calidade
orquestral que nos somerxe na acción. O seu prezo de venda en España é de 59,95
euros, e está dispoñible en exclusiva para Xbox 360.