Institucións e empresas exploran na sede de Coremain a cidade dixital que nos espera

xoves, 27 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Non hai xeito posible de fuxir da cidade dixital. Isto que semella o título dunha película de ciencia ficción é, sen embargo, unha das conclusións ás que se chegou no encontro sobre servizos de administración electrónica a nivel local que organizou Coremain na súa sede de Santiago e no que fixeron acto de presenza representantes do sector público (o Ministerio de Industria e o Concello da Estrada a través do Proxecto Estrada Dixital) e do sector privado (Coremain, Microsoft e Codium). Nesta xornada, concibida a xeito de foro ou gran mesa de debate, quíxose deixar claro que se non hai vieiro de escape da cidade dixital non é porque sexa desexable fuxir dela, senón máis ben polo contrario. É dicir, os seus beneficios para a sociedade son tan importantes (facilidade para a relación cos entes públicos), que a súa chegada só pode ser cualificada de “inevitable”.
Amais disto, tirouse do fío das seguintes ideas:
1. Cómpre ir abandonando paseniño os termos “cidade dixital”.
2. Hai na actualidade certa confusión sobre solucións, ferramentas e demais.
3. Non todo o proceso de cambio vai ser doado, nin para o funcionariado nin para a cidadanía (actualmente estamos xusto na metade dese proceso inevitable de cambio).
O primeiro punto vén a conto porque se estaría a caer nunha redundancia, agora que en teoría somos cada vez máis os que vivimos na Sociedade da Información, ó incluírmos o concepto “dixital” ó carón do de “cidade”. Esta precisamente é unha das tarefas de Fernando Herrero, xefe de área de e-Administración do Ministerio de Industria: botar por terra o dito concepto e acadar unha situación na que a idea de dixital vaia implícita na de cidade. Tarefa complicada? Moi probablemente si, e el mesmo foi o primeiro en recoñecelo en Santiago, tanto polo volume de traballo ó que vai ter que someterse unha boa parte do funcionariado como polo desigual interese que están a amosar as diferentes (e moitas) administracións locais do Estado español. Para ser máis preciso, Herrero dixo que un dos grandes cometidos do departamento que dirixe é engraxar a maquinaria da e-Administración, darlle o empurrón que sen dúbida vai precisar nun breve prazo. E por que vai precisar ese empurrón? Pois, ó seu xuízo, porque neste intre España está a madurar o que segundo o Ministerio de Industria é a gran sociedade dixital: a actual franxa de idade de menores de 25 anos que viven e estudan e se comunican nas redes pero que aínda non deron o paso de comunicarse coas institucións públicas e tramitar con elas. Unha vez que teñan que facelo, chegaremos polo tanto ó intre decisivo para as administracións, o “agora ou nunca” da e-cidade e de España na era do coñecemento. De aí o da necesidade do empurrón.
Polo que respecta ó segundo punto, o da enleada no que se refire a solucións que lles permitan ós concellos e os cidadáns tirar rendemento real da Sociedade da Información, Microsoft amosou o seu interese por achegar un pouco de orde. Da man de Wenceslao Vives, responsable técnico da empresa en España, Microsoft sinalou en Santiago os que considera espazos prioritarios de traballo, tanto a nivel público como privado:
· Tendo en conta que os funcionarios inevitablemente van ter que traballar máis coa chegada do dixital, cómpre facer todo o posible para facilitarllo e, tamén, para favorecer o proceso de cambio.
· Hai moitos puntos a tratar no eido da e-Administración local. Tanto dentro como fóra. Para Microsoft, o gran interese dunha boa parte dos concellos que contactaron coa firma para obter ferramentas que fixesen posible o cambio era o de centrarse só na fachada do edificio, na percepción que os cidadáns teñen del. Porén, para esta empresa moi pouco se poderá facer a prol da comunicación externa se non funciona ben o tecido interno. Ou sexa: non abonda cunha web vistosa.
Para Microsoft, o paso é xa posible e, para demostralo, presentou na sede de Coremain unha simulación de cómo funcionaría un concello plenamente en liña grazas ós recursos de xestión achegados pola propia empresa (recursos que se están a desenvolver dende Microsoft Ibérica e espallándose na actualidade ó resto do mundo). Estas ferramentas, sinalou Wenceslao Vives, incluirían “servizos de acceso á Administración Electrónica, transparencia na xestión pública, calidade, control, principios de igualdade, respecto á diversidade e atención ó dependente”. Máis polo miúdo, Microsoft recreou cómo sería facer un petición de inscrición nun cursiño organizado por un suposto concello.
No que se refire ó terceiro punto (o de que non todo o proceso vai ser doado), se cadra é algo que xa estamos a ver na negativa dunha boa parte de concellos a apostar de xeito pleno polo uso da Rede, negativa que moitas veces ten que ver coa imposibilidade de afrontar máis traballo (a posta en marcha e o mantemento achegaría unha cara extra de traballo) ou ben co puro descoñecemento. Asemade, que o proceso vai ser complicado tamén podemos albiscalo un pouco nos problemas que está a dar a expedición do DNI electrónico nunha boa parte das cidades españolas, con longas ringleiras e tempos de espera motivados principalmente polos atrancos que supón o cambio definitivo ó dixital dos funcionarios e do seu entorno traballo. Esta cuestión en xeral explicouna Fernando Herrero co que se cadra é un exemplo moi gráfico: “Non é sinxelo poñer á xente que leva anos publicando xornais oficiais en papel a facelo agora de xeito dixital”. Ó seu xuízo, é máis doado enfollonar a tecnoloxía que axilizar os procedementos.
Neste intre, engadiu, o nivel de afianzamento das novas ferramentas na Administración é diferente nas cidades grandes e nas pequenas. As primeiras están a gastar entre 10 e 12 euros por habitante ó ano neste proceso. As pequenas aínda están nos 7 ou nos 8 euros.
Fernando Herrero aproveitou para falar tamén do programa SIGEM (Sistema Integrado de Xestión Municipal) que está a poñer a disposición dos concellos o Ministerio de Industria (programa co que, sinalou, non se pretende en absoluto facerlle a competencia ó sector privado) e que lles permitiría xerar portais na Web, levar a cabo tramitacións electrónicas e xestionar expedientes vía telemática.

PUBLICIDADE