Intel amosa un ordenador cun tamaño semellante ao dunha tarxeta bancanria

martes, 30 de maio do 2017 Marcus Fernández

No marco do Computex de Taipei Intel presentou un produto realmente impresionante, a Compute Card, que vén a ser case un ordenador completo agochado nunha carcasa de 95 x 55 x 5 milímetros, ou sexa, que sería lixeiramente máis grande que unha tarxeta de crédito, pero podería servir tanto como un ordenador para levar como para converter unha pantalla nun equipo todo-en-un ou incluso para servir de cerebro dunha Smart TV, dun quiosco dixital ou de todas unha serie de dispositivos conectados.
Intel deseñou esta tecnoloxía confiando en convertela en todo un estándar, o que permitiría, por exemplo, a actualización de sistemas con só substituír á súa Compute Card (algo realmente atractivo no caso de ordenadores todo-en-un, que tenden a ser case imposibles de actualizar, e que tamén sería sumamente doado de facer).
Polo momento Intel ten previsto lanzar 4 modelos destas tarxetas, que funcionarían con procesadores Intel Celeron N3450, Pentium N4200, Core m3-7Y30 e Core i5-7Y57 (ou sexa, cun amplo abano de procesadores), todos equipados con 4 GB de RAM DDR3, 64 GB de eMMC nos dous modelos máis básicos e 128 GB de SSD nos dous modelos superiores, Wi-Fi AC e Bluetooth 4.2.
Espérase que no mes de agosto comecemos a ver estar Compute Cards no mercado, e Intel xa conta con varios partners que van integrar esta tecnoloxía, de xeito que Smart Tech utilizaraa para portátiles educativos e encerados interactivos, LG optará polos monitores conectados, ECS polos todo-en-un, Mo-BitS Electronics polas tabletas... e incluso compañías como Lenovo, Dell e HP entrarán neste xogo que demostra a confianza dos principais axentes do mercado nunha chamada a mudar o xeito de entendermos os equipos informáticos.

PUBLICIDADE