Intel prepara unha nova cámara de profundidade

martes, 16 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Intel leva anos desenvolvendo cámaras de profundidade RealSense, que incluso foron unha peza importante do lanzamento de Windows 10 (xa que Windows Hello aproveitaba a información rexistrada polas cámaras como sistema de recoñecemento biométrico), e aínda que esta tecnoloxía non conseguiu unha grande relevancia no mercado de consumo, continúa a ter importantes aplicacións, de aí que continúen a desenvolverse cámaras de profundidade como a Intel RealSense D455, que verá a luz na semana do 20 de xullo e pode reservarse a un prezo de 239 dólares.
Esta cámara combina sensores RGB con sensores de profundidade, conseguindo así recoñecer o seu contorno para funcións como a localización de obstáculos (o que pode resultar práctico para a fabricación de robots e drons), escanear obxectos en 3D, habilitar solucións de control por xestos sen contacto e realizar medicións de volume (empregando varias cámaras D455 á vez). A cámara é capaz de detectar profundidades de entre 0,4 e 20 metros detectando até 90 fotogramas por segundo e cun campo de visión de 86 graos en horizontal e 57 graos en vertical.
Estas cámaras funciona cun SDK de código aberto que empregan outras cámaras Intel RealSense e que permite a creación de solucións para Windows, macOS, Linux e Android, de aí que estamos ante unha tecnoloxía moi versátil que, aínda que finalmente non se popularizou nos nosos equipos informáticos, non cesa de atopar ámbitos de aplicación.

PUBLICIDADE