Investigadores do Campus de Ourense desenvolven unha ferramenta para rehabilitación cognitiva

luns, 5 de marzo do 2018 Redacción

O grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración da ESEI de Ourense vén de presentar unha ferramenta web de uso clínico para favorecer a rehabilitación cognitiva de pacientes con dano cerebral, adiccións, doenzas neurodexenerativas ou deterioro das capacidades. Trátase de Multitasking Cubes, un software libre cuxo desenvolvemento estivo liderado polo profesor Miguel Reboiro, contando cun equipo desenvolvedor constituído por Rosalía Laza, Reyes Pavón e Hugo López. Segundo explica o profesor Miguel Reboiro “este proxecto pretendeu desenvolver unha ferramenta que permitise estimular e avaliar o rendemento dos pacientes, fomentando a actividade cerebral como un mecanismo xerador de reserva cognitiva”.
Para facelo optouse polo programa Memodado, que se caracteriza por empregar un formato de xogo de mesa e dados para acadar obxectivos. “A idea do proxecto naceu a proposta de Adolfo Piñón, Francisco Otero e Adrián Varela, que buscaban avanzar no proxecto de levar á web Memodado despois de ter feito un primeiro prototipo", indica Miguel Reboiro, engadindo que a realización de Multitasking Cubes artellouse en cinco subproxectos.
En primeiro lugar, creouse unha aplicación web para os pacientes, na que poden realizar as sesións asignadas polos terapeutas, e tamén unha aplicación web para os administradores, directores de centros e terapeutas, que poden usar para xestionar a información do sistema, incluíndo a creación de sesións de xogos, a asignación das sesións e o seguimento dos pacientes por parte dos terapeutas. En terceiro lugar, hai unha biblioteca independente da aplicación dos xogos que permite a súa integración noutras ferramentas e, a maiores, habilitouse unha aplicación na que se poden probar os xogos do proxecto de forma rápida ou usalos de xeito libre, sen necesidade de utilizar o resto de recursos da plataforma. En quinto lugar figura un subproxecto que abrangue a xestión do almacenamento da información da aplicación. Estas cinco ferramentas foron xa publicadas en repositorios públicos baixo unha licencia de software libre GPLv3.
Segundo explica o grupo de investigadores, en cada sesión o paciente afronta nunha serie de tarefas ou exercicios a realizar que o terapeuta pode configurar cuns parámetros, tales como tempo máximo, nivel de dificultade ou número de intentos posíbeis. As tarefas seleccionadas e propostas para ser utilizadas no Multitasking Cubes “son algunhas das utilizadas con meirande frecuencia nos estudos da memoria nos últimos anos, como trigramas, paradigma de pares asociados, procesos de recuperación da información por recordo e recoñecemento e span atencional”, engaden.

PUBLICIDADE