Iron Man VR poderase mercar cun par de mandos PS Move

xoves, 21 de maio do 2020 Marcus Fernández

O xogo do home de ferro da Marvel leva tempo con problemas de axenda, anunciándose o seu lanzamento para o 28 de febreiro e para o 15 de maio, até que finalmente fixouse a súa data de saída no 3 de xullo, cando chegará tanto de xeito independente como dentro dun lote que inclúe un par de mandos de movemento PlayStation Move, para que os usuarios de PlayStation VR poidan conseguir estes accesorios tan difíciles de atopar nos últimos meses (xa que deixaran de producirse).
Este interesante pack con Marvel’s Iron Man VR poderá mercarse por 99,99 euros, estando dispoñible para a súa reserva dende hoxe, cando tamén se estrea unha versión de demostración do xogo, que permite aos usuarios facerse unha idea sobre como será este xogo de realidade virtual que con este petisco promete convencer a motos usuarios a querer enfundar virtualmente a armadura tecnolóxica de Tony Stark.
A demo de Marvel’s Iron Man VR inclúe a misión de titorial Malibú, a secuencia interactiva no avión de Stark con Tony, FRIDAY e Pepper Potts, a misión xogable a bordo do avión Stark De la nada, a misión opcional de desafío de voo e a misión opcional de desafío de combate avanzado. Quen probe a demo e logo merque o xogo completo recibirá a armadura decorativa personalizada de lava como recompensa.

PUBLICIDADE