Italia prohibe temporalmente o uso de ChatGPT

venres, 31 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O organismo encargado da protección de datos de carácter persoal en Italia, a GPDP, vén de prohibir o uso de ChatGPT con datos de usuarios italianos até que OpenAI respecte a normativa de privacidade. A GPDP considera que ChatGPT recompila datos persoais de xeito ilegal e tamén denuncia a ausencia de sistemas de verificación de idade.
A GPDP sinala a falta de información sobre a recompilación de datos que realiza OpenIA e a ausencia dunha base legal que xustifique a recompilación e o almacenamento masivos de datos persoais para adestrar a plataforma. Tamén salientan que en numerosas ocasións ChatGPT responde con datos que non reais, polo que realizaría un tratamento inexacto dos datos persoais.
OpenAI designou un representante para o Espazo Económico Europeo, quen deberá comunicar no prazo de 20 días as medidas que adopte en execución do solicitado pola GPDP ou podería ter que enfrontar unha sanción de até 20 millóns de euros ou até o 4% da súa facturación global anual.
Cómpre salientar que a lexislación á que se refire a GPDP afecta a toda a Unión Europea, polo que nos vindeiros días podería prohibirse o uso de ChatGPT en moitos outros países europeos.

PUBLICIDADE