Jetpack Joyride convértese no novo grande éxito para iOS

luns, 5 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Tras o éxito de Fruit Ninja os estudos Halfbrick estrearon o pasado día 1 na App Store en versión para iPhone e iPad e por só 0,79 euros Jetpack Joyride, un título que está a converterse en todo un éxito instantáneo, por conseguir desenvolver unha mecánica de xogo tan sinxela como aditiva na que manexamos a un home equipado cunha mochila propulsora que debe evitar mísiles, lasers e inimigos para avanzar o máximo posible á vez que supera certos retos, aproveita as vantaxes que dan certos vehículos que aparecen e recolle moedas para ampliar as posibilidades do xogo.
Nesta aventura Barry Steakfries convértese nun heroe que limita os seus movementos a ascender ou descender mentres prememos a pantalla do noso dispositivo con iOS, mentres caen balas, arcos voltaicos, raios láser... aínda que para evitar a monotonía o xogo vai propondo retos a superar moi diversos, que irán sumando estrelas para ascender de categoría segundo a nosa experiencia no xogo, seguindo unha fórmula que gozou de moi boa aceptación en títulos como Tiny Wings.


Trailer oficial do xogo

PUBLICIDADE