Joe & Mac: Caveman Ninja adaptarase á alta definición

luns, 9 de novembro do 2009 Marcus Fernández

O novo deseño dos personaxes proposto por Golgoth Studio promete unha boa calidade gráfica no xogo

Golgoth Studio, o equipo que está a preparar un remake de Toki en alta definición, anunciou que van repetir a xogada, e tamén están a desenvolver unha recreación de Joe & Mac: Caveman Ninja, que era un dos títulos de acción para recreativas máis divertido tanto pola súa mecánica arcade como polo sentido do humor das súas animacións, que é de agardar que agora poidamos ver en todo o esplendor que permite a alta definición das consolas domésticas actuais.

O xogo de recreativa tiña uns gráficos bastante simpáticos

O xogo orixinal saíra en 1991 para máquinas recreativas, adaptándose posteriormente para Super Nintendo, Mega Drive, NES, Game Boy, Amiga e PC, e contou con secuela tanto en recreativa coma en Super Nintendo.
O obxectivo de Caveman Ninja e percorrer os mapas do xogo para rescatar a todas as mulleres do seu poboado á vez que teñen que enfrontarse con dinosauros, outros trogloditas, plantas carnívoras e distintos seres prehistóricos facendo uso de armas coma o lume, pedras afiadas, rodas de pedra ou boomerangs.
Segundo parece, este non será o último xogo en contar cun remake a en breve, e segundo parece SnapDragon Games estaría a traballar en varios xogos descargables entre os que estarían as adaptacións de Bad Dudes vs Dragon Ninja, Karate Champ e TumblePop. Sen dúbida, unha boa nova para todos os nostálxicos dos xogos de finais dos anos 80.

PUBLICIDADE