Kartoon Crazy Racing estrea versión para iOS

xoves, 17 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Tras estrearse o pasado sábado en Google Play, a editora compostelá de videoxogos Iberian Games desembarca hoxe na App Store, de xeito que os usuarios de iPhone e iPad xa poden gozar de balde do primeiro título editado baixo o seu selo, Kartook Crazy Racing, un sinxelo e divertido xogo de carreiras de karts, na máis pura liña do Mario Kart de Nintendo, que permítenos elixir vehículo e condutor para gozar de partidas rápidas, campionatos e incluso xogos en liña multi-plataforma (os xogadores de Android poderán baterse en tempo real con usuarios de iOS).

O xogo permítenos elxir entre 6 vehículos diferentes

Este xogo con gráficos tridimensionais conta cun total de 8 pistas diferentes (con cadansúa música de fondo), 6 coches de carreiras con diferentes pinturas, 16 personaxes con aparencia animal caricaturesca, numerosos power-ups, táboas de puntuación en liña e a posibilidade de compartir logros en Facebook e Twitter. Tamén é salientable o seu modo de control, xa que deixa elixir entre 3 opcións diferentes: botóns de desprazamento lateral, un volante virtual que podemos xirar ou inclinando o dispositivo para controlar os xiros.

Xosé Manuel Rey pasou ante os micrófonos da Radio Galega para dar conta da estrea de Iberian Games na edición de xogos para móbiles

Estamos ante un xogo para todos os públicos que integra publicidade e compras dentro da aplicación, aínda que é posible gozar do mesmo completamente sen ter que realizar ningún investimento especial, como destacou o CEO de Iberian Games o pasado martes ante os micrófonos da Radio Galega. Tamén engadiu que xa teñen varios títulos en carteira para lanzar nas vindeiras semanas, buscando converterse nun publisher que poida facilitar a distribución de videoxogos a nivel mundial a través das distintas plataformas móbiles, procurando que os seus títulos consigan certa visibilidade nas cada vez máis concorridas tendas de aplicacións.

Os usuarios poderán encarnar a 16 divertidos personaxes ao volante
Kartoon Crazy Racing permitirá xogar en local ou a través da Internet

PUBLICIDADE