Kid Icarus: Uprising chegará ao Xapón cun soporte para a 3DS

xoves, 12 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

O agardado xogo Kid Icarus: Uprising (do que xa probaramos unha demo en marzo de 2011) aínda non ten confirmada a súa data de chegada ás tendas europeas, sabéndose polo momento que o 22 de marzo será realidade no Xapón, e a tal lanzamento acompañarao un accesorio que vén de sorprender enormemente, por tratarse dun soporte para colocar a Nintendo 3DS, información publicada a través de Twitter por un dos deseñadores do xogo, e que sorprende por ser un concepto totalmente distinto ao que debería ser unha consola portátil.
Ao parecer, os responsables deste título consideran que a experiencia de xogo durante ás fases de voo é mellor cando a consola está segura, polo que ter un soporte para fixar a consola no escritorio pode resultar de utilidade tanto para este como para outros xogos semellantes.
Aínda non está confirmada a comercialización deste accesorio en Europa, pero de ser así a 3DS sería sen dúbida a consola portátil con máis accesorios da historia, pois xa conta con baterías externas para mellorar a súa autonomía, un mando analóxico adicional e unha base para converter a consola nun volante, e de seguir así converteríase en todo un Frankenstein que por fortuna continúa a ser totalmente operativa se ningún deses anacos de plástico adheridos ao seu elegante deseño.

O soporte que venderase co Kid Icarus: Uprising parece atentar á portabilidade da 3DS

PUBLICIDADE