LEGO Star Wars: The Yoda Chronicles estréase de balde para iOS

luns, 6 de maio do 2013 Marcus Fernández

A App Store recibiu de balde nos últimos días o xogo LEGO Star Wars: The Yoda Chronicles, unha agradable sorpresa para os seareiros da franquía galáctica que teñan un iPhone ou iPad, que poderán vivir novas aventuras ambientadas nas Guerras Clon, podendo elixir bando (tendo como mentor a Ioda ou ao conde Dooku, e tendo logo que loitar e contruír para progresar a través de 8 niveis de LEGO Star Wars (que irán ampliándose en futuras actualizacións prevéndose que conte con 15 niveis e 5 mini-misións en total).
Neste xogo pódense crear e controlar exércitos de soldados clon de elite e poderosas naves espaciais, coñecer a historia a través de divertidas curtas animadas, xogar a nivel de bonificación para subir de rango e mellorar as unidades e gardar os progresos do xogo de iniciarmos sesións empregando o LEGO ID.
O xogo estreouse oficialmente o 4 de maio, data que en plan broma considérase como o Día de Star Wars, polo que é temporalmente de balde, descoñecéndose polo momento se pasará a ser de pagamento ou a incorporar compras dentro da aplicación.

O xogo conta con breves animacións para narrar a súa historia
O xogo mestura varias mecánicas: estratexia en tempo real, exploración de alxubes, loitas con espadas e combates espaciais

PUBLICIDADE