LG AKA, os móbiles coreanos con personalidade

martes, 11 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Para os usuarios que queiran que os seus smartphones teñan certa personalidade dende LG presentan os novos teléfonos LG AKA, que destacan por contar cuns ollos con distintas formas de xeito que terían expresións claramente diferenciadas, e que poderían cambiarse substituíndo a súa tapa frontal, que conta cunha fiestra que deixa exposta unha zona da pantalla do móbil que é onde están os seus ollos virtuais. As carcasas inclúen un chip que é onde está gravada a personalidade destes teléfonos (a elixir entre 4 distintas) que non destacan precisamente polas súas prestacións técnicas, senón que son bastante modestos.
Os novos LG AKA funcionan cun procesador de 4 núcleos a 1,2 GHz, 1,5 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 Gb), cámaras de 8 e 2,1 Mpíxeles, Android 4.4 e unha pantalla IPS de alta definición de 5 polgadas, Bluetooth 4.0, Wi-Fi AC, NFC, LTE, batería de 2.610 mAh, un grosor de 9,9 milímetros e un peso de 135,5/157 gramos.
O máis rechamante destes smartphones que saen hoxe á venda en Corea do Sur é, sen dúbida, o seu prezo, xa que custan 500.000 wons (367,11 euros) o que parece moi esaxerado para un terminal que só destaca por unha prestación que resulta máis curiosa que práctica.


Vídeo de presentación dos novos LG AKA

PUBLICIDADE