LG V300, un todo-en-un con 3D e pantalla multi-táctil

martes, 31 de maio do 2011 Marcus Fernández

No Computex de Taiwán están a amosarse moitas das tecnoloxías que veremos nas tendas nos vindeiros meses, e unha das cousas que podemos ver en distintos dispositivos é a converxencia tecnolóxica, sendo un exemplo bastante curioso o ordenador todo-en-un LG V300, que destaca por empregar unha pantalla 3D de 23 polgadas cun panel multi-táctil IPS Full HD (¿non rifará a profundidade da súa pantalla co feito de que sexa táctil?).
Este equipo tamén conta con conectividade Gigabit Ethernet, Bluetooth 3.0 e Wi-Fi N, lector de tarxetas 5-en-1, 4 portos USB 2.0, 2 portos USB 3.0, sintonizadora de televisión, saída HDMI 1.4, eSATA, cámara web de alta definición (720p), disco duro de ata 750 Gb, ata 8 Gb de RAM, un deseño bastante delgado, procesador Intel Core i3/i5/i7 e o sistema operativo Windows 7 de 64 bits.
Cómpre detallar que o LG V300 fai uso de lentes 3D pasivos, que son máis lixeiros que os activos, prometendo unha maior comodidade na visualización das 3D (algo moi discutible).

PUBLICIDADE