LG adapta os seus novos terminais de gama media aos paus para selfies

luns, 23 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Anticipándose ao Mobile World Congress, LG presentou unha nova liña de smartphones que poderán versen na feira da telefonía móbil de Barcelona, e que supoñen un fortalecemento da gama media da compañía con dispositivos cun acabado que normalmente só vemos en terminais de alta gama.
Os novos smartphones (Magna, Spirit, Leon e Joy) estarán dispoñibles en versión con 3G ou 4G, diferenciándose os que teñen conectividade LTE por ter unha traseira metálica, mentres que os modelos con 3G terán unha traseira de plástico. Un detalle a salientar do software co que veñen equipados estes teléfonos é o Gesture Shot, que facía doada a toma de selfies cun xesto da man (que dispara unha conta atrás de 3 segundos) e que agora modificouse para poder funcionar a unha distancia de até 1,5 metros, pensando nos cada vez máis populares selfie sticks.
O meirande dos novos smartphones é o LG Magna, cunha pantalla de alta definición de 5 polgadas, procesador de catro núcleos (de 1,3 ou 1,2 GHz), 1 GB De RAM, 8 GB de almacenamento interno, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles (deixando claro que busca favorecer o disparo de selfies), Android 5.0, batería extraíble de 2.540 mAh e un grosor de 10,2 milímetros.
Máis modesto é o LG Spirit, que reduce a súa pantalla até as 4,7 polgada, a súa cámara frontal a 1 Mpíxel, a súa batería ás 2.100 mAh e o grosor ás 9,9 milímetros, mantendo a súa cámara traseira nalgúns mercados (mentres que noutros podería limitarse ao 5 Mpíxeles). Un produto que claramente busca ser equilibrado e asumible.
O LG Leon xa sería un terminal moito máis modesto, que pese a ter unha pantalla de 4,5 polgadas limita a súa resolución a FWVGA, polo que só poderiamos consideralo un smartphone de entrada, como tamén indicaría a súa cámara frontal VGA. Aínda que funcione cun procesador de catro núcleos, 1GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno, e conte cunha cámara traseira de 8/5 Mpíxeles, parece configurado para sen simplemente un móbil económico nun tamaño popular. A súa batería será de 1.900 mAh e o seu grosor de 10,9 milímetros.
O máis pequeno da familia é o LG Joy, con pantalla WVGA de 4 polgadas, que en función dos mercados chegarán con diferentes especificacións que poden chegar a ser realmente reducidas. Así, o seu procesador de 1,2 GHz pode ser de 2 ou 4 núcleos, a súa RAM variaría entre 512 MB e 1 GB, o seu almacenamento interno pode ser de 4 ou 8 GB e tanto pode funcionar con Android 4.4 como con Android 5.0. No tocante ás cámaras, serán de 5 e 0,3 Mpíxeles, dando a impresión de que o seu punto máis forte sería a súa batería extraíble de 1.900 mAh.

PUBLICIDADE