LG amosa os seus ultrabooks

mércores, 7 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Para competir co MacBook Air os fabricantes de portátiles están a apostar por ter os seus propios equipos delgados e lixeiros baixo a denominación de ultrabooks, buscando de paso coller o relevo dos devalados netbooks, e así chegamos ao LG Xnote Z330, un novo equipo que funciona con procesadores Intel Core i5-2467M e i7-2637M, 4 Gb de RAM, unidade SSD de 120/256 Gb, gráfica Intel, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, Intel WiDi, USB 3.0, lector de tarxetas de memoria microSD e a posibilidade de adquirirse con pantalla de 12 ou 13,3 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles. Estes equipos teñen un grosor de só 14,7 milímetros, un peso de 1,21 quilogramos e unha autonomía de máis de 6 horas de duración.
Grazas ás súas unidades SSD estes equipos tamén poden apagarse en só 9,9 segundos e retomar a actividade (dende unha posición de repouso) en só 7 segundos. O prezo destes equipos partiría de 1.700.000 wons (1.120,93 euros) e chegaría aos 2.600.000 wons (1.714,36 euros), descoñecéndose polo momento o seu prezo fóra de Corea do Sur.

Os LG Xnote Z330 destacan polo seu reducido grosor e polo seu pouco peso

PUBLICIDADE