LG anuncia novos tablets en tamaños de 7, 8 e 10,1 polgadas

luns, 12 de maio do 2014 Marcus Fernández

Aínda que LG é unha marca máis asociada a smartphones que a tablets, a compañía surcoreana non se dá por vencida nos dispositivos con Android de pantallas a partir das 7 polgadas e presenta novos tablets que traerá esta semana á feira tecnolóxica MedPi, que esta semana se desenvovle en Mónaco. Este novos dispositivos pretenden ampliar a familia estreada polo LG G Pad 8.3, que chegou o pasado ano ao mercado, conseguindo unha resposta comercial bastante boa segundo o seu fabricante.
Os novos tablets de LG serían o G Pad 7.0, que buscaría un cómodo control cunha única man; o G Pad 8.0, que pretendería facer cómoda a reprodución de contidos multimedia e o manexo de varias aplicacións á vez; e o LG Pad 10.1, que aparte de maior pantalla tamén conta cunha batería maior, converténdose nun trebello máis atinado para usos profesionais.
Estes dispositivos contarían con Android con capa gráfica LG UX, con funcións como QPair 2.0 (que permite emparellar o tablet ao móbil, para recibir notificacións de chamadas e mensaxes do móbil no tablet, podendo incluso responder directamente dende o LG G Pad) e Knock Code (que permite desbloquear o tablet cuns toques personalizados na súa pantalla, opción considerada máis cómoda e segura que os patróns que habitualmente se empregan en dispositivos con Android).

PUBLICIDADE