LG anuncia un novo trebello para facer intelixentes os televisores

martes, 29 de maio do 2012 Marcus Fernández

Para os usuarios que conten cun televisor de alta definición sen as prestacións avanzadas dun dos novos equipos e que queiran gozar de servizos en liña sen renovar o seu televisor achega LG un novo trebello, o SP820 Smart TV Upgrader, que sae á venda en Corea do Sur en xuño por 199.000 wons (135,58 euros) e que, entre outros detalles, inclúe un mando que permite o control por movemento e por voz.
O novo trebello tamén facilita o acceso a contidos en 2D e 3D da Internet, soporta DLNA, é compatible con Wi-Fi Direct e, como era de agardar, permite a instalación dos centos de aplicacións das que LG dispón nos seus últimos televisores, e que pasarán a estar accesibles para todos os equipos aos que se lle engada este dispositivo a través un porto HDMI.
Supomos que nos vindeiros meses o actualizador a Smart TV estará dispoñible en case todo o mundo.

PUBLICIDADE