LG desvela accidentalmente as especificacións do LG G3

luns, 26 de maio do 2014 Marcus Fernández

Aínda que a presentación do LG G3 non se esperaba ata a xornada de mañá, a presentación de LG parece que vén de perder todo o seu interese despois de que a páxina web holandesa da compañía surcoreana publicase a ficha oficial do novo smartphone, estragando totalmente a novidade ao publicar as imaxes oficiais e as especificacións do agardado teléfono insignia que procurará repetir o éxito do seu predecesor.
O LG G3 terá unha pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 2,5 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb, cámaras de 13 e 2,1 Mpíxeles, LTE (4G), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, NFC, radio FM, DLNA, Miracast, batería de 3.000 mAh, sistema operativo Android 4.4.2, un grosor de 9,1 milímetros, unha carcasa metálica lixeira e acabado en cor negra, branca ou dourada.
Este novo smartphone continuaría a tendencia de incrementar o seu tamaño de pantalla con respecto ao seu modelo anterior, progresión que resulta bastante difícil que se poida manter co tempo, polo que haberá que ver se as 5,5 polgadas parecen excesivas ou se conseguirán consolidarse como o tamaño de pantalla de moda.

O LG G3 chegará en tres cores distintas

PUBLICIDADE