LG presentará no CES os seus novos monitores

mércores, 16 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Un ano máis LG vai aproveitar o CES de Las Vegas para presentar os seus últimos produtos, como os seus monitores, entres os que queren destacar as pantallas curvas e os de ultra alta definición, pensando tanto en contornos profesionais como en usuarios afeccionados aos videoxogos, que son os máis esixentes á hora de elixir boas pantallas nas que gozar de elevadas resolucións a unha boa velocidade.
Un dos monitores que levará LG será o 34UC98, que permite gozar dun escritorio informático de auténtico luxo cunha panel IPS curvo de 34 polgadas ultra-panorámico (21:9) con Thunderbolt 2 e una resolución de 3.440 x 1.440 píxeles. Na mesma liña LG presentará tamén o monitor ultra-panorámico 34UM88, que está máis orientado a contornos profesionais, e que se diferenciaría do anterior principalmente en ser unha pantalla plana en vez de curva.
Nun tamaño máis discreto chegaría o monitor UHD 27UD68, que nas súas 27 polgadas ofrecería un grande nivel de detalle para os xogadores máis esixentes, que grazas á tecnoloxía FreeSync de AMD poden gozar de gráficos libres de artefactos e imaxes partidas. Desta pantalla tamén habería unha versión máis pensada para o mercado profesional, o modelo 27UD88, que tamén en 27 polgadas incluiría o porto USB-C, o que resultaría moi práctico para equipos portátiles que empregasen esta tecnoloxía, xa que poderían usar a pantalla simultaneamente como monitor externo e como fonte de alimentación, reducindo o número de cables necsarios.
Para completar o cadro de monitores de LG no CES temos tamén o 24MP88, que recibe por nome Infinity Display, co que pretende destacar o seu marco practicamente invisible, que xunto co seu elegante soporte ArcLine consegue destacar aínda máis o seu panel IPS de 24 polgadas.

PUBLICIDADE