LG porá á venda este ano un televisor OLED enrolable de 65 polgadas

luns, 7 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que LG leva bastante tempo amosando ante o público os seus paneis OLED enrolables, finalmente van converterse nun produto de consumo, de xeito que o LG Signature OLED TV R (modelo 65R9) será o primeiro televisor OLED enrolable do mercado, destacando polo feito de poder adoptar un factor forma variable que dálle moita versatilidade.
Na demostración realizada por LG no CES de Las Vegas puido verse como este concepto de televisor pode ofrecer unha pantalla de grande tamaño, pero sen acaparar o espazo, xa que cando non se usa pode enrolarse na súa base, que pode continuar a empregarse, por exemplo, a xeito de barra de son (xa que conta cun sistema sonoro Dolby Atmos de 100 watts e son 4.2 ideal para a reprodución musical e de outros contidos sonoros).
De feito, o LG Signature OLED TV R conta con 3 opcións de visualización diferentes: Full View (coa pantalla ocupando o máximo tamaño posible), Line View (coa pantalla parcialmente enrolada, podendo así amosar un reloxo, información meteorolóxica, fotografías familiares ou outra información) e Zero View (coa pantalla de 65 polgadas totalmente agochada na súa base).
Este novo televisor, como outros de LG que saian este ano, será compatible con AirPlay 2 e HomeKit, e tamén incluirá tanto ao Asistente de Google como a Alexa.

O novo televisor de LG contará con 3 modos de visualización diferentes

PUBLICIDADE