LG presenta as súas novas solucións de audio para cine en casa

mércores, 26 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que no último ano o grande tamaño de pantallas e as 3D centraran boa parte dos lanzamentos de electrónica de consumo para o salón doméstico, os fabricantes non queren deixar totalmente de lado o son envolvente que fora tendencia anos atrás, e de cara ao CES de Las Vegas LG anunciou que continúa a apostar polas solucións de cine en casa, para o que propoñen un novo sistema de altofalantes 9.1 BH9430PW, que conta con canles adicionais á típica configuración 5.1 conseguindo levar a experiencia sonora a un seguinte nivel.
Este sistema tamén pode funcionar como un concentrador intelixente compatible con NFC para recibir contidos sen fíos. Tamén conta cunha base para iPod que facilita a súa carga e o acceso aos seus contidos.
Unha prestación realmente rechamante do sistema de son BH9430PW é que conta cun modo de son privado que silencia os altofalantes para remitir o seu sinal a través de Wi-Fi ao noso smartphone, o que pode resultar útil para poder escoitar unha película sen molestar ao resto da familia mentres durme.
Para quen non dispoña de espazo para a colocación dos numerosos altofalantes desta solución de son envolvente, LG tamén presenta a barra de son NB4530A, cun deseño elegante e un acabado en negro e prata que pode ser un complemento ideal para o televisor con 310 W e son 2.1 apoiado por un procesador 3D Surround. Entre as súas vantaxes figura o contar con canle de retorno HDMI, de xeito que pode conectarse ao televisor sen empregar cables de audio adicionais e, para poder facer streaming de audio con móbiles, tablets e ordenadores portátiles tamén conta con Bluetooth.
Adicionalmente LG tamén presentou o reprodutor de Blu-ray 3D BP730, o altofalante pensado para funcionar para base dun smartphone ND8630 e o altofalante portátil NP6630 (con Bluetooth, NFC e AirPlay).

PUBLICIDADE