LG presenta o panel Full HD para móbiles máis delgado do mundo

xoves, 11 de xullo do 2013 Marcus Fernández

LG Display presentou hoxe o seu novo panel LCD Full HD para smartphones, que chega cun tamaño de 5,2 polgadas, un grosor de 2,2 milímetros e un marco de 2,3 milímetros, características que axudan a facer que os móbiles poidan maximizar a área visible das súas pantallas sen comprometer o grosor e o peso do dispositivo.
Este novo panel non só ten unha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, senón que tamén acada un brillo de ata 535 nits, superando a outros paneis Full HD do mercado, facilitando a súa lectura en condicións de alta luminosidade (como cando empreguemos o móbil en exteriores).
Con esta tecnoloxía é de agardar que cheguen pronto ao mercado novos smartphones con grandes pantallas e deseños moi delgados, conseguindo unha resolución que supera por moito a percepción da meirande parte dos usuarios.

PUBLICIDADE