LG presenta un Smart TV 3D de só 27 polgadas

venres, 8 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Este mes porase á venda en España o novo televisor de 27 polgadas LG MT93, que o fabricante surcoreano define como unha Smart TV persoal, que busca servir de solución para individuos que queren gozar dunha grande experiencia visual coa súa pantalla Full HD IPS á vez que non queren comprometer un grande espazo (detalle que aínda resulta máis destacable se temos en conta que tamén pode empregarse coma monitor de ordenador).
O LG MT93 ten un marco moi reducido e un pé elegante, de xeito que pode encaixar en case calquera lugar do fogar, dende o salón ata o dormitorio, ofrecendo prestacións propias de grandes televisores nun formato reducido. Temos así un televisor que pode acceder a servizos de vídeo a través da Internet, é compatible coas tecnoloxías de transmisións sen fíos para compartir pantallas de dispositivos móbiles (WiDi e Miracast), contrólase coa última xeración do Magic Remote de LG (que incorpora, entre outras melloras, recoñecemento de voz), ofrece Picture-in-Picture (PiP) para poder ver 2 programas á vez ou consultar Facebook mentres se ve outro programa de televisión, ten 3 portos USB (para facilitar a reprodución multimedia e a conexión de teclado e rato) e incluso funciona como televisor 3D con lentes pasivas (incluídas).

PUBLICIDADE