LG presenta un altofalante que integra o Asistente de Google

xoves, 28 de decembro do 2017 Marcus Fernández

LG vai levar ao CES de Las Vegas varios altofalantes que van dende barras de son con Dolby Atmos até altofalantes portátiles, pasando por un produto especialmente interesante, o LG ThinQ Speaker, que sería o primeiro altofalante premium da marca con intelixencia artificial conectada, ou sexa, que estamos ante un altofalante que integra o Asistente de Google.
O LG ThinQ Speaker non só pode empregarse para utilizar o Asistente de Google como se estivésemos a empregar o noso smartphone (preguntándolle curiosidades ou a predición do tempo), senón que tamén pode aproveitarse para controlar outros dispositivos conectados do fogar mediante ordes de voz.
Dende LG inciden no feito de que estes novos altofalantes coidan a calidade sonora, para o que fan uso de tecnoloxía Meridian Audio. Tamén son compatibles con ficheiros de alta calidade sen perda, de xeito que poden recrear os sons de estudio con fidelidade.

PUBLICIDADE