LG presenta unha pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles

mércores, 21 de agosto do 2013 Marcus Fernández

A división de pantallas de LG continúa a innovar e anuncia hoxe que vén de desenvolver o primeiro panel AH-IPS LCD para smartphones con resolución Quad HD, ou sexa de 2.560 x 1.440 píxeles, o que no seu tamaño de 5,5 polgadas suporía unha densidade de píxeles de 538 puntos por polgada, superando a todas as pantallas para móbiles existentes no mercado e marcando o que podería ser o seguinte chanzo despois dos smartphones con pantallas Full HD que están buscando popularizarse nos últimos meses.
Na actualidade as pantallas de alta definición cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles son practicamente un estándar nos móbiles con grandes pantallas, pero estas novas pantallas recollerían catro veces a mesma información no mesmo espazo, o que se traduce nunhas imaxes máis nítidas e melloras tanto nas cores coma no contraste, de xeito que poderiamos ter no móbil imaxes que superasen a calidade de vídeo que podemos percibir nunha película en Blu-ray.
A nova pantalla de LG ten un grosor de só 1,21 milímetros e un marco de 1,2 milímetros, chegando a ser incluso máis delgado que o panel Full HD de 5,2 polgadas que LG lanzou o mes pasado.

As novas pantallas amosan 538 puntos por polgada, conseguindo unha definición inédita en smartphones

PUBLICIDADE