LG quere centralizar a domótica nun altofalante conectado

mércores, 30 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Os fabricantes de electrónica de consumo continúa a avanzar na chamada Internet das Cousas, pero centrándose principalmente na domótica, para o que LG vai amosar no CES de La Vegas o seu novo SmartThinQ Hub, un dispositivo pensado para ser o corazón do fogar conectado, que serva de pasarela para os sensores repartidos polo fogar e os dispositivos/electrodomésticos compatibles, servindo tamén como un altofalante para escoitar música e lembrar anotacións na axenda (resultando inevitable que lembre ao Amazon Echo).
O novo trebello serviría para facilitar o control de lavadoras, frigoríficos, fornos, aspiradoras robóticas, sistemas de aire acondicionado e unha chea de sensores, de xeito que recolle a información que achegan todos os dispositivos conectados (amosando a información dos mesmos na súa pantalla de 3,5 polgadas) e facilitando tamén a bidireccionalidade da comunicación a través dunha aplicación para smartphones.

O hub pode comunicarse con sensores repartidos polo fogar

Para que o LG SmartThinQ Hub case ben co fogar, conta cun corpo metálico en cor negra ou ouro champaña, e busca comunicarse con numerosos dispositivos a través de Wi-Fi, Bluetooth ou Zigbee, sendo compatible con numerosas tecnoloxías domóticas que o converterán nunha solución moi atractiva para os que busquen automatizar ao máximo o seu fogar.

O SmartThinQ Hub xoga un rol importante no concepto de fogar conectado de LG

PUBLICIDADE