LG renova os seus proxectores 4K

luns, 14 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Para conseguir mellores experiencias de cine en casa LG está a renovar os seus proxectores láser CineBeam 4K cos modelos HU715Q e HU710P, destacando o LG HU715Q por ser un proxector de tiro curto capaz de crear unha imaxe de 100 polgadas a só 21,7 centímetros da parede, mentres que o proxector LG HU710P presume de entregar imaxes máis brillantes e negros máis profundos grazas á súa tecnoloxía híbrida láser + LED.
O LG HU715Q é un proxector de tiro curto capaz de proxectar unha imaxe 4K de até 120 polgadas, cunha fonte de luz láser (cunha vida útil de 20.000 horas, que vén a ser o triplo que a vida media dunha lámpada tradicional), e que integra webOS 6.0 de xeito que ten funcións propias dun Smart TV (polo que pode empregarse para gozar de servizos como Netflix ou Disney+). O proxector ten un brillo de 2.500 lumenes ANSI e tamén conta con altofalantes estéreo de 20 + 20 watts.
Estamos ante un dispositivo claramente deseñado para interiores nos que non hai espazo para un proxector tradicional, xa que pode crear unha pantalla de 80 polgadas a só 11,8 centímetros de distancia, de 100 polgadas a 21,7 centímetros e de 120 polgadas a 31,7 centímetros.
Para os usuarios que dispoñen de espazos máis tradicionais para montar un cine en casa podemos contar co proxector LG HU710P, que é capaz de proxectar unha imaxe 4K de até 300 polgadas a entre 8,63 e 13,81 metros de distancia. Tamén integra funcións de Smart TV, a súa fonte de lux ten unha vida útil de 20.000 horas, o seu brillo é de 2.000 lumenes ANSI, e con altofalantes de 5 + 5 watts.
Estes novos proxectores chegarán ao mercado durante o presente trimestre.

Vídeo promocional do LG CineBeam HU710P

PUBLICIDADE