LGx15 volverá a aproveitar a Rede para instar á reflexión sobre a lingua

luns, 15 de outubro do 2018 Redacción

O vindeiro 15 de novembro ás 18:00 horas a Sala Capitol de Santiago de Compostela volverá a servir de escenario para o evento LGx15, que chegará á súa cuarta edición con 8 relatorios breves que transmitirán de xeito visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro da lingua galega.

Na pasada edición xa se contou coa presenza dunha youtubeira, e desta volta serán dous os creadores que aproveitan YouTube como plataforma os que intervirán no LGx15

As persoas convidadas nesta ocasión para expor os seus argumentos durante un máximo de 15 minutos serán: Javier Balea (creador de Moléculas en galego, quen falará sobre divulgación científica e lingua), Eira Losada (estudante e youtubeira, que contará como ser un motor para a lingua), Mercé Barrientos (deportista e docente, que vai explicar a importancia da autoestima no deporte e no uso da lingua), Inma Gil Rosendo (xornalista na BBC, que falará sobre a concienciación lingüística desde fóra de Galicia), Manolo Maseda (músico e docente, que amosará A chave das noces para dar un xiro á situación da lingua na mocidade), Xema Varela (empresaria e deseñadora, que nos falará do efecto curuxa no mundo empresarial), Ruth Caramés (bióloga, deseñadora e nai, quen nos descubrirá un mundo de recursos para a crianza en galego), e Aquel -e (millennial e youtubeiro, que nos falará da cultura pop como forma de conexión coas xeracións máis novas).

No LGx15 é habitual contar con actuacións musicais para animar a xornada

Ás intervencións citadas sumaráselle a actuación de Brais Morán, mentres que as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco conducirán o acto para o que xa está aberta a venda de billetes a un prezo de 6 euros en compra anticipada, aínda que o evento presencial é simplemente un xeito de organizar e financiar as gravacións dos distintos relatorios, sendo o seu auténtico obxectivo a súa difusión a través de YouTube, para conseguir así unha ampla distribución das mensaxes coas que a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) organizadora desta iniciativa, busca chamar á reflexión sobre o futuro da nosa lingua.

PUBLICIDADE