La Princesa Prometida estrea videoxogo móbil oficial

venres, 9 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Poucas películas de éxito limitado deixaron unha pegada tan profunda como La Princesa Prometida, que chegou a converterse en todo un clásico moderno polo seu xeito de narrar aventuras propias dun conto, e pese a que xa hai moitos anos da estrea do filme, chega agora o seu videoxogo oficial, inicialmente para iOS, e máis adiante tamén para Android (a través de Google Play e da Amazon Appstore).
Esta produción de Gameblend Studios pode xa mercarse por 3,99 euros na App Store, e recolle nunha única aplicación catro mini-xogos con aparencia de debuxo animado nos que teremos que sobrevivir ao ataque de perigosas anguías, escalar un cantil, medir a nosa espada coa de Íñigo Montoya e loitar corpo a corpo contra o icónico xigante do filme. Cada xogo ten unha táboa de clasificación única, desafíos e premios, e permite desbloquear imaxes e cortes sonoros da película. Tamén é posible pagar para desbloquear todos os contidos adicionais de vez. O xogo recibirá un par de mini-xogos adicionais mediante actualizacións de balde.

No xogo non falta o clásico enfrontamento con Íñigo Montoya


Trailer do xogo

PUBLICIDADE