Lector de tarxetas de memoria optimizado para televisores

luns, 21 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Na actualidade moitos son os televisores que conta cun porto USB dende o que poder acceder a música, vídeo e fotografías, e pensando precisamente nos 2 últimos, contidos que en moitas ocasións son captados por cámaras dixitais, temos que o seu soporte natural son as tarxetas de memoria, de aí que Sony veña de achegar ao mercado un lector de tarxetas de memoria Memory Stick e SD (incluíndo os seus modelos de alta capacidade) optimizado para o seu uso por parte de televisores.
O lector MRW-F3 facilita así que os vídeos e as fotografías que rexistremos coa nosa cámara poidan reproducirse de xeito doado en televisores BRAVIA, reprodutores de Blu-ray e a PlayStation 3, garantindo certa velocidade que permita incluso a reprodución fluída de vídeos en alta definición.
Este lector de tarxetas de memoria tamén funciona sen controladores en ordenadores persoais, coma se fose unha unidade USB 2.0 máis, aínda que tamén pode complementase cunha aplicación de Sony que facilita a identificación de cada un dos lectores de tarxetas que inclúe este dispositivo (poñendo un nome autodescritivo a cada unidade).
O prezo deste novo produto de Sony é duns 10 euros.

PUBLICIDADE