Left 4 Dead, tamén en 3D

venres, 6 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

A visión estereoscópica (3D) achegouse en moitas ocasións aos videoxogos, pero moitos usuarios sorprenderanse ao saber que poden gozar de moitos videoxogos en 3D con só empregar uns clásicos lentes de cores (vermella e azul) para gozar desta experiencia nos ordenadores persoais equipados cunha tarxeta gráfica nVIDIA 8xxx ou superior a través dun controlador desenvolvido por nVIDIA.
Esta funcionalidade está de actualidade porque atoparon o xeito de activala no popular xogo Left 4 Dead (que nestes días é posible adquirilo de oferta por 11,95 euros), polo que as partidas en rede nas que temos que baternos contra unha horda de infectados gaña moito realismo.
A funcionalidade estereoscópica de nVIDIA, coñecida coma GeForce 3D Vision, funciona con pantallas pasivas polarizadas de Zalman, pero tamén nunha pantalla ordinaria cos lentes antes mencionados, polo que é chegue a un amplo público, que non só poderá probar esta experiencia con Left 4 Dead, senón que tamén é compatible cun amplo catálogo de xogos coma Call of Duty 4, Call of Duty: World at War, Devil May Cry 4, Fallout 3, Far Cry 2, Mirror’s Edge, Prince of Persia, Tomb Raider: Underworld ou World of Warcraft.

PUBLICIDADE