Leica presenta unha cámara resistente que incluso funciona baixo a auga

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A compañía xermana Leica está a estrearse nunha categoría de produto, a das cámaras reforzadas para soportar as agresións do contorno, xa que a nova Leica X-U ten un corpo selado que conta con resistencia ao po, a golpes (soporta caídas de até 1,22 metros de altura) e á auga (podendo aguantar até 60 minutos a 15 metros de profundidade), e todo isto sen comprometer o seu deseño, que é bastante estilizado para un dispositivo desta categoría. Concretando tería certificación IP68 e cumpriría co estándar MIL-STD 810G.
A Leica X-U sería unha boa compañeira de aventuras, desafiando aos elementos e sendo incluso capaz de disparar fotografías debaixo da auga con grande nitidez. Para o seu control ten distintos tipos de roscas, que xunto coa súa pantalla de 3 polgadas facilita capturar magníficas instantáneas incluso en condicións de iluminación pouco favorables. Vén equipada cun sensor CMOS APS-C de 16 Mpíxeles, cun obxectivo de 23 milímetros de alta calidade (equivalente a un obxectivo tradicional de 35 milímetros) capaz de enfocar dende ao infinito até a só 20 centímetros de distancia, polo que falamos dunha cámara bastante versátil que tamén grava vídeo Full HD a 30 cadros por segundo.
Por desgraza, este portento da resistencia é bastante caro, saíndo a cámara á venda este mesmo mes a un prezo de 3.250 euros.

A Leixa X-U conta cunha pantalla de 3 polgadas

Vídeo promocional da Leica X-U

PUBLICIDADE