Leisure Suit Larry estreará remake en HD no mes de xuño

martes, 23 de abril do 2013 Marcus Fernández

Tras superar o medio millón de dólares en Kickstarter, o proxecto para levar a clásica aventura de Larry Laffer á alta definición vai vento en popa, e o xogo Leisure Suit Larry: Reloaded ten xa prevista a súa estrea para PC, Mac e Linux o vindeiro mes de xuño a un prezo de 14,99 libras esterlinas (17,59 euros), permitindo así revivir cuns gráficos feitos a man totalmente novos un título de hai xa 26 anos, que atopará así un xeito de rememorarse e mesmo de chegar a novas audiencias.
Este remake en alta definición de Leisure Suit Larry in the Land of the Loungue Lizards non vai limitarse a actualizar o seu apartado gráfico, sen´no que tamén adapta a súa xogabilidade e incorpora novos quebracabezas, localizacións e toques de humor, así como unha banda sonora reescrita polo compositor Austin Wintory e interpretada co propio creador de Larry, Al Lowe, tocando o saxofón.
Aínda que veñen de por data ao lanzamento para ordenadores persoais, está previsto que o xogo conte tamén con versións para móbiles e tablets con iOS e Android.


Trailer do novo xogo de Larry Laffer

PUBLICIDADE