Lenovo pon á venda o portátil de 13,3" máis lixeiro do mundo

luns, 4 de maio do 2015 Marcus Fernández

O novo MacBook é un dispositivo bastante arriscado, que se ben consegue ser altamente portátil, adoece dunha falta de portos de expansión que a día de hoxe non parece ser aceptable para a meirande parte de usuarios, e aí que os equipos que busquen competir con el vaian noutra dirección, e así temos o Lenovo LaVie Z, que consegue ter un peso inferior ao produto de Apple (pesa a partires de 848 gramos), aínda que o seu grosor é superior e, desta volta, non hai problemas de portos, xa que conta con 2 portos USB 3.0, 1 porto HDMI, lector de tarxetas SD e tomas para auriculares e micrófono.
O Lenovo LaVie Z está xa dispoñible nos EE.UU. a un prezo que parte dos 1.499 dólares (1.345 euros), de xeito que estaría na liña do equipo de Apple (que parte de 1.449 euros), ofrecendo unhas especificacións bastante interesantes, como un procesador Intel Core i7 de quinta xeración a 2,4 GHz, até 8 GB de RAM, gráfica Intel HD 5500, pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, SSD de até 256 GB, webcam de 720p, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0 e unha autonomía de até 9 horas coa batería estándar.
Este equipo funciona con Windows 8.1 de 64 bits e sería o ordenador portátil de 13,3 polgadas máis lixeiro do mundo, o que parece máis que suficiente como para ter este equipo en conta á hora de adquirir un ordenador no que o importante sexa a súa portabilidade.

PUBLICIDADE