Lenovo presenta os novos Moto G

mércores, 18 de maio do 2016 Marcus Fernández

Durante a xornada de onte Lenovo presentou a nova liña de smartphones Moto G, que chegarían así á súa cuarta xeración, de xeito que a partires de agora o Moto G pasa a ter unha pantalla Full HD de 5,5 polgadas (atendendo ás demandas do mercado) e recibe un par de compañeiro: o Moto G Plus (unha versión mellorada, a un prezo máis elevado) e o Moto G Plus (modelo máis económico e con pantalla máis pequena, que non chegará a comercializarse oficialmente en Europa).

O novo Moto G

Como vén a ser habitual, o Moto G anúnciase como un móbil capaz de funcionar sen problemas durante todo o día, mantendo unha boa relación calidade-prezo, pero nesta nova xeración goza dun deseño máis delgado (7,9-9,8 milímetros), procesador Qualcomm Snapdragon 617 de 8 núcleos, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB, cámara traseira de 13 Mpíxeles con apertura f/2.0 e flash LED dobre con balance de cor, cámara frontal de 5 Mpíxeles con apertura f/2.2, grande angular e flash en pantalla, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, lector de pegadas dixitais, batería de 3.000 mAh con carga TurboPower que permite conseguir até 6 horas de autonomía en só 15 minutos, protección fronte á auga e sistema operativo Android 6.0.1. Onte iniciou a súa comercialización en Brasil, pero ao resto do mundo chegará no mes de xuño, prevéndose que o seu prezo en España sexa de 229 euros (na liña do que aconteceu co lanzamento do Moto G de terceira xeración).

Vídeo promocional do novo Moto G

Moto G Plus: a aposta por unha cámara de calidade

O Moto G Plus, pola súa banda destaca por mellorar a súa cámara traseira por unha de 16 Mpíxeles con enfoque automático láser e con detección de fase, que asegura conseguir unhas imaxes comparables ás dun dos últimos iPhone. Tamén integra un lector de pegadas dixitais no botón de frontal do terminal. O terminal xa está á venda na India e chegará a España no mes de xuño posiblemente a un prezo de 269 euros.
As especificacións que indicamos son as que figuran na páxina web española de Motorola, e entendemos que son as que se aplicarán aos smartphones comercializados oficialmente no noso territorio, pero cómpre destacar que non serán as únicas e, por exemplo, os Moto G que xa están á venda no Brasil carecen de lector de pegadas e TurboPower, mentres que o seu Moto G Plus comercializarase cunha capacidade interna de 32 GB, mentres que na India o Moto G Plus xa está dispoñible en 16 e 32 GB. Deste xeito temos que as versións internacionais destes móbiles van máis aló de estar dispoñibles con espazo para 1 ou 2 tarxetas SIM, e ofrecen unhas configuracións notablemente diferentes.

Vídeo promocional do Moto G Plus

Moto G Play: o ausente

Adicionalmente algúns países tamén terán o Moto G Play, un smartphone con pantalla de alta definición de 5 polgadas, cámara traseira de 8 Mpíxeles, procesador de catro núcleos e batería de 2.800 mAh, cun prezo substancialmente inferior ao resto, pero que vai dirixida a mercados con pouco poder adquisitivo, pois estariamos ante un dispositivo na liña do Moto G de terceira xeración (aínda que cunha batería de maior capacidade), o que fai que non teña moito sentido a súa comercialización (xa que no noso territorio os anteriores Moto G xa reduciron considerablemente o seu prezo).

A carga rápida TurboPower é un dos grandes atractivos dos novos Moto G
Unha das melloras dos novos smartphones da familia Moto G que chegarán a España é o lector de pegadas dixitais
Como vén a ser habitual, os novos Moto G poderán personalizarse con carcasas de diversas cores

PUBLICIDADE