Lenovo presenta un 2-en-1 de grande potencia que pode empregarse cun lapis de Wacom

mércores, 2 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Atendendo á demanda de ordenadores portátiles que poidan funcionar tamén a xeito de tableta, Lenovo presenta o seu novo ThinkPad P40 Yoga, que busca non só a versatilidade dos ordenadores 2-en-1, senón tamén un grande desempeño, de xeito que sería un produto ideal para usuarios creativos que tería un prezo moi inferior a un equipo de prestacións comparables en formato de tableta puro (coma o Surface Pro 4).
O ThinkPad P40 Yoga ten unha pantalla de 14 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles sobre a que pode utilizarse un lapis dixitalizador de Wacom (con 2.048 niveis de presión), o que permite traballar con grande precisión para realizar deseños, ilustracións ou incluso anotacións, trasladando a experiencia propia do papel á pantalla do portátil. E para que a experiencia á hora de traballar con aplicacións avanzadas (lembremos que aplicacións coma o Photoshop poden ser moi esixentes) o portátil está equipado cun procesador Intel Core i7 de sexta xeración, até 16 GB de RAM e unidade SSD de 512 GB, que sumado a unha gráfica nVIDIA Wuadro M500M con 2 GB de VRAM consegue converterse nunha excelente ferramenta para traballos creativos.
O equipo integra un teclado Lift’n Lock cun marco que se levanta automaticamente ao redor das teclas cando se coloca en modo tableta, facendo que sexa máis cómodo traballar nese modo de funcionamento. Tamén é salientable que conta cunha boa autonomía e que a súa construción pasou pro probas de resistencia de grado militar, de xeito que estamos ante un produto robusto que inspira confianza e que veremos no mercado a primeiros do ano que vén a un prezo que parte de 1.399 dólares, polo que resultará bastante atractivo no mercado profesional.

Ao colocar o teclado contra a mesa, este portátil 2-en-1 pode comportarse como unha tableta

PUBLICIDADE