Lenovo presenta un Ultrabook de 14 polgadas de fibra de carbono

martes, 15 de maio do 2012 Marcus Fernández

Aos fabricantes de ordenadores está a custarlles colocar no mercado os seus portátiles de deseño delgado coñecidos como Ultrabooks, que buscan competir directamente co MacBook Air de Apple, por resultarlles complicado diferenciarse, o que parece que está a conseguir Lenovo co seu X1 Carbon, que presume de ser o Ultrabook con pantalla de 14 polgadas máis lixeiro do mundo grazas a que emprega fibra de carbono no seu deseño (o que deixa claro no seu nome).
Estamos ante un portátil cunha pantalla de 14 polgadas cunha resolución de 1.600 x 900 píxeles, un grosor de 18 milímetros e un peso de só 1,36 quilogramos que incluso presume dunha autonomía de ata 10 horas de duración que podería cargar o 80% da súa batería en só 30 minutos, e ao que non lle falta a última xeración de procesadores de Intel, a posibilidade de albergar ata 8 Gb de RAM, portos USB 3.0 e miniDisplay Port e lector de tarxetas de memoria. Tamén conta cun curioso teclado retroiluminado resistente ao vertido de líquidos e conectividade 3G, pero polo momento non coñecemos nin a súa data de lanzamento nin o prezo que vai ter, factores que sen dúbida serán cruciais para o seu éxito.

PUBLICIDADE