Lenovo presenta un portátil con pantalla encartable

martes, 29 de setembro do 2020 Marcus Fernández

O concepto de smartphone con pantalla encartable que levou á práctica do Galaxy Fold de Samsung vén de trasladarse ao mundo dos ordenadores portátiles por parte de Lenovo, fabricante que presenta o ThinkPad X1 Fold, que xa pode reservarse nos EE.UU. por un prezo que parte dos 2.499 dólares.
Dende Lenovo aseguran que o ThinkPad X1 Fold é froito de 5 anos de traballo, e busca ser un equipo portátil que teña unha pantalla de bo tamaño durante o seu uso, pero que poida encartarse para reducir o seu tamaño durante o transporte, así como para ofrecer novos usos, como pode ser empregar a pantalla lixeiramente encartable a xeito de libro.
Este equipo complétase con accesorios como un teclado Bluetooth opcional que pode gardarse dentro do equipo encartado, así como o Lenovo Mod Pen (lapis dixitalizador que facilita a toma de notas ou sinatura de documentos) e o Lenovo Easel Stand (soporte que facilita a colocación da pantalla en vertical ou horizontal no escritorio.
O Lenovo ThinkPad X1 Fold tamén conta opcionalmente con conectividade 5G, de xeito que a súa posición como produto innovador non se limita só á versatilidade da súa pantalla, senón tamén ao seu potencial para tirar proveito da banda larga móbil.
A revolucionaria pantalla táctil deste equipo ten un papel OLED de 13,3 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles, estando pensada para o seu uso como unha pantalla completa ou unha pantalla partida (facilitando a multi-tarefa); ao encartarse pode reducir considerablemente o espazo no que gardarse o equipo, o que xunto aos seus só 0,99 quilos de peso converten a este portátil nun produto moi transportable; o seu procesador Intel Core i5-L16G7, os seus 8 GB de RAM e o seu almacenamento SSD de 1 TB conseguen conformar un equipo de grandes prestacións, que tamén pode presumir dunha autonomía dunhas 8,5 horas grazas á súa batería de 50Whr que conta con tecnoloxía de carga rápida.
Estamos ante un equipo realmente interesante que, pese a parecer un prototipo, chegará ás tendas nas vindeiras semanas.

No escritorio o ThinkPad X1 Fold pode empregarse como un portátil tradicional valéndose dun teclado sen fíos

Vídeo promocional do ThinkPad X1 Fold

PUBLICIDADE