Lexar presenta as súas tarxetas SDXC de 1 TB

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

As tarxetas de memoria non paran de medrar en capacidade para atender á crecente demanda de espazo, especialmente de cara á captación de contidos en 4K, 360 graos e outros formatos que precisan dun grande largo de banda, pero curiosamente desta volta non é SanDisk quen toma a dianteira, e Lexar consegue pór no mercado unha tarxeta SDXC con 1 TB de capacidade.
A Lexar Professional 633x non só ten capacidades de entre 16 GB e 1 TB, senón que tamén promete velocidades de lectura de até 90 MB/segundo e de escritura de até 70 MB/segundo, ou sexa, que poden empregarse para gravar contidos en ultra alta definición sen o temor de que vaia a haber cortes, xa que estamos ante tarxetas con certificacións Class 10, U3 e V30. Toda unha garantía para os profesionais do vídeo que queiran traballar sen ter que andar a cambiar tarxetas con frecuencia.
Aínda que Lexar fixou o prezo recomendado das súas tarxetas de 1 TB en 499,99 dólares, algúns establecementos pretenden vendelas a 399,99 dólares, o que segue a ser un prezo moi elevado, xa que estamos aínda ante as primeiras unidades con capacidades tan xenerosas.

As tarxetas de 1 TB de capacidade resultan atractivas para usuarios que precisan gravar moito tempo en resolucións elevadas

PUBLICIDADE