Linux on DeX chega a máis dispositivos de alta gama de Samsung

martes, 23 de abril do 2019 Marcus Fernández

Samsung leva un tempo apostando por empregar os seus smartphones e tabletas de alta gama a xeito de ordenadores persoais conectándoos a unha pantalla, un teclado e un rato empregando a tecnoloxía Samsung DeX, que inicialmente ofrecía unha experiencia Android de escritorio, pero que o ano pasado deu un decidido salto facilitando a execución dunha versión de Ubuntu.
Este programa de probas de Linux on DeX limitábase inicialmente ao Galaxy Note9 e a tableta Tab S4 con Android Oreo, pero agora están a ampliar o programa a dispositivos con Android Pie, ou sexa, que aparte dos anteriores tamén funciona agora en tabletas Tab S5e e nos smartphones Galaxy S9, S9+, S10e, S10, S10+ e S10 5G, ou sexa, que os dispositivos de alta gama de Samsung xa soportan en completo esta solución para instalar contedores cunha imaxe de Ubuntu para poder así correr un Linux completo dende o smartphone, para goce de profesionais que poden así evitar ter que cargar cun ordenador portátil para traballar en mobilidade.
Esta ampliación de dispositivos do programa Linux on DeX leva a entender que esta iniciativa é solvente, e manterase a longo prazo, aínda que non hai garantías de que vaia ser así, xa que non deixa de ser unha experiencia piloto, que de non contar coa demanda dos usuarios podería desbotarse en calquera momento.

PUBLICIDADE