Logitech presenta novos accesorios para Mac

mércores, 28 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Logitech está a ampliar o seu catálogo de produtos orientados ao Mac, ou sexa, que pon á venda novos modelos dos seus últimos ratos e teclados con lixeiras modificacións estéticas e funcionais para casar mellor cos ordenadores de Apple.

No caso dos ratos, basicamente estamos ante versións en cor branca do rato vertical Lift e do reputado MX Master 3S, destacando neste último o feito de que os seus botóns fan menos ruído (pero mantendo unha sensación táctil satisfactoria).

No que a teclados se refire, a principal novidade sería o teclado bluetooth multidispositivo K380 para Mac, que pode emparellarse a ordenadores, tabletas e teléfonos, e que agora conta tamén con versión en cor azul blueberry. Pode emparellarse con até 3 dispositivos á vez, e saltar entre eles con só premer un botón, de xeito que o usuario pode usalo no seu ordenador e pasar rapidamente a empregalo no iPhone se ten que responder a unha mensaxe longa.

A última novidade de Logitech sería o teclado MX Mechanical Mini, que sería o produto de máis alta gama da familia, pero que polo momento non está dispoñible cunha distribución de teclado española, o que fai que non sexa moi recomendable (especialmente se temos en conta que custa 159,99 euros).

O novo teclado mecánico de Logitech para Mac non está dispoñible coa distribución das teclas en español

PUBLICIDADE