Logitech presenta novos auriculares para estudantes

mércores, 29 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Dende hai tempo Logitech lanza accesorios adaptados a escolares, como é o caso dun lapis dixitalizador alternativo ao Apple Pencil, e hoxe presenta os Zone Learn, auriculares con cable deseñados para a aprendizaxe e creados para as escolas. Estes auriculares teñen un axuste cómodo, micrófono axustable, e un deseño que busca que resulten cómodos durante un uso prolongado (buscando así que os cativos poidan concentrarse nas actividades que están a realizar), e ofrécense con distintas opcións de conexión (minijack, USB-A e USB-C).
Estes auriculares teñen un tamaño reducido, para satisfacer as necesidades dos estudantes máis novos, e contan cunha grande resistencia para poder soportar unha xornada escolar típica (e poder limparse con frecuencia sen desgastarse).
As súas almofadas de coiro sintético ofrécense en dous formatos diferentes (supraaurais ou circumaurais). Os transdutores de audio están optimizados para unha maior claridade vocal, en vez de para música, buscando así que sexan óptimos para aplicacións de aprendizaxe dixital, como lectura, probas ou aprendizaxe de idiomas. O micrófono está integrado nun brazo ríxido que permite unha boa captación da voz e integra tamén un filtro de supresión de ruído.
Cómpre salientar que os auriculares só están dispoñibles para o sector educativo, iniciando a súa distribución global esta primavera.

Vídeo promocional dos novos auriculares de Logitech

PUBLICIDADE