Logitech presenta un novo mando universal con pantalla táctil

mércores, 3 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Logitech incorporou hoxe ao seu catálogo o novo mando a distancia universal Logitech Harmony Touch, que busca iniciar unha nova xeración de produtos nesta liña cunha pantalla táctil intuitiva que promete un control sen precedentes dos dispositivos de lecer do fogar, así como un elevado nivel de personalización.
O Logitech Harmony Touch permite engadir, borrar e ordenar ata 50 iconas coas nosas canles favoritas de televisión para poder sintonizalos de xeito doado na súa pantalla táctil de 2,4 polgadas, permitindo tamén controlar a nosa reprodución de música ou o acceso a películas, podendo empregar un único mando con 15 dispositivos distintos (de entre 225.000 de 5.000 marcas), aínda que esa comodidade ten un prezo un tanto avultado: 179 euros.
Este dispositivo ten un deseño refinado e ergonómico, conta con botóns retroiluminados para facilitar a navegación, pode presentar un teclado numérico na súa pantalla táctil, intégrase co Logitech TV Cam HD (solución que achega Skype ao televisor), inclúe unha base de carga e pode configurar de xeito doado conectándoo ao ordenador (o que facilita enormemente a identificación e programación dos distintos trebellos que desexemos controlar a distancia).


Vídeo de presentación do novo mando universal de Logitech

PUBLICIDADE