Logitech presenta un sistema de control para xogos de iPhone 5/5S

mércores, 20 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Xa hai un par de anos que Android 4.0 incorporou a posibilidade de que os seus xogos puidesen facer uso dun xeito oficial de mandos de xogo, pasos que Apple seguiu co seu iOS 7, o que nos vindeiros meses espérase que provoque o lanzamento de numerosos accesorios para facilitar o uso do iPhone e do iPad para xogar con controis táctiles, sendo un dos máis prometedores o que vén de presentar Logitech, pois o mando PowerShell non se limita a engadir unha cruceta e botóns de disparo ao iPhone 5/5S e iPod Touch (de quinta xeración), senón que tamén integra unha batería de 1.500 mAh, o que incremente a autonomía do dispositivo móbil (prestación moi interesante se temos en conta o elevado consumo enerxético dos xogos).
Este novo accesorio de Logitech ten un deseño moi plano, facilitando o seu transporte, pesa 120 gramos, deixa libre o acceso ás funcións do teléfono (non bloquea a cámara nin os botóns do terminal), integra un adaptador para auriculares (que afasta os cables das nosas mans, para que poidamos xogar comodamente). Xa está dispoñible para a súa reserva a un prezo de 99,99 euros, e espérase que comecen a enviarse as primeiras unidades aos seus compradores no mes de decembro.
Os xogos que con compatibles con este novo sistema de control son xa bastantes, entre os que podemos destacar Asphalt 8: Airborne, Bastion, Cro-Mag Rally, Gunner Z, LEGO The Lord of the Rings, LIMBO, Oceanhorn, Scribblenauts Remix e THE KING OF FIGHTERS-i 2012; sendo de agardar que os títulos que se lancen dende agora conten con tal posibilidade como un incentivo máis para a súa compra.


Vídeo de presentación do novo accesorio de Logitech

PUBLICIDADE