Logitech presenta un teclado con disco selector

xoves, 31 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Para os usuarios creativos que empregan a diario ferramentas como o Adobe Photoshop ou o Adobe Premiere Pro (aínda que tamén pode resultar de utilidade para aplicacións como o Microsoft Excel) presentan o novo Logitech Craft, un teclado avanzado con disco selector creativo que xa pode reservarse a un prezo de 209 euros e que revoluciona o xeito de controlar o ordenador ao integrar nunha das súas esquinas un disco chamado Coroa, que axiliza numerosas tarefas permitindo unha maior sensación de control.
A Coroa recoñece as aplicacións que se están a usar, para dar acceso ás ferramentas que se precisen cun toque e un xiro, de xeito que podemos controlar o brillo, o contraste ou a saturación dunha imaxe en Photoshop xirando do selector, realizar axustes en gráficas de Excel e incluso navegar en listaxe de reprodución de Spotify. O teclado inclúe software para poder asignar funcións da Coroa para calquera aplicación.
O Logitech Craft non só goza desta funcionalidade rechamante, senón que tamén é un teclado de grande calidade, con retroiluminación intelixente (adáptase ás condicións de iluminación e as súas teclas ilumínanse ao detectar que achegamos as mans ao teclado), ten un tamaño completo, as súas teclas son moi precisas e pode conectarse até a 3 dispositivos á vez, podendo saltar dun a outro mediante un simple conmutador.
Este teclado poden conectarse ao ordenadores Windows ou macOS mediante USB (conta con receptor Unifying) aínda que tamén é posible empregalo con Bluetooth de baixo consumo.

Vídeo de presentación do Logitech Craft

PUBLICIDADE