Logitech presenta unha luz para gamers

mércores, 12 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

De cara aos gamers que realizan retransmisións en directo a través da Rede marcas como Elgato teñen dispoñibles sistemas de iluminación axustable con prezos que bastante elevados (129,99/199,99 euros) de aí que non debería sorprendernos que Logitech quixese aproveitar a ocasión para lanzar unha luz para streaming máis competitiva, a Litra Glow, que terá un prezo de venda de 69 euros.
Este sistema de iluminación resulta axeitado para escritorios informáticos (fixos e portátiles); incorpora a tecnoloxía TrueSoft de Logitech (que promete tons de pel naturais) e un innovador difusor sen bordes, e envolve ao usuario nunha luz sutil para que saia favorecido nas retransmisións en directo; e o seu formato facilita a súa montaxe sobre o noso monitor (podendo desacomplarse de xeito dado para empregalo en calquera trípode de cámara estándar).
Esta luz pode axustar o seu brillo e a súa temperatura de cor, de xeito que podemos conseguir uns resultados coidados que podemos controlar dende unha aplicación no noso equipo, o que resulta especialmente práctico durante os directos, xa que facilita os cambios en tempo real.
Haberá que ver se cumpre o prometido, pero de primeiras a Litra Glow é unha solución de iluminación compacta, versátil e cun prezo moi inferior ao do deu competidor máis directo, polo que podemos augurarlle unha boa aceptación.

Vídeo promocional da luz Litra Glow

PUBLICIDADE