Logitech renova o seu rato sen fíos para equipos portátiles

luns, 21 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Un dos ratos compactos de Logitech máis populares renóvase, e así temos o novo MX Anywhere 3 (e a súa versión específica para Mac), que busca ser un complemento ideal para equipos portátiles, procurando que o seu tamaño reducido non sexa un atranco para contar cun bo desempeño e un manexo cómodo.
O MX Anywhere 3 integra a última xeración da roda de desprazamento MagSpeed, capaz de desprazar até 1.000 liñas por segundo de xeito silencioso e cunha precisión capaz de deterse nun píxel; que tamén resulta moi agradable para o usuario por estar feita de aceiro mecanizado, de xeito que transmite unha sensación de calidade e inercia dinámica. O rato realiza o seguimento en practicamente calquera superficie, incluíndo o cristal, de xeito que permite traballar en escritorios tradicionais, mesas de cafeterías e incluso sobre un sofá.
Os laterais de silicona fan que o MX Anywhere 3 sexa sempre suave ao tacto; o seu deseño facilita o seu transporte e limpeza, sendo tamén bastante resistente ante os golpes e caídas propios do traballo móbil; a súa batería permiten a 70 días de uso cunha carga completa ou até 3 horas de uso con só 1 minuto de carga, podendo empregarse mentres se carga mediante o cable USB-C incluído; tamén inclúe botóns para avanzar e retroceder; e aínda que poida conectarse aos equipos por Bluetooth, tamén conta cun receptor USB.
Pode conectarse con até 3 dispositivos á vez, alternando entre eles con só premer un botón; está optimizado para o uso de aplicacións como navegadores web, as aplicacións ofimáticas de Microsoft e as aplicacións de deseño de Adobe, podendo tamén aproveitarse a súa personalización para ferramentas de videoconferencia e colaboración como Microsoft Teams e Zoom, onde sería posible aproveitar os botóns laterais para acender o vídeo ou silenciar o micrófono.
Véndese por 92,99 euros en cor negra, branca ou rosa na versión para PC, entres que a edición para Mac só está dispoñible en cor branca. A edición para Mac, en vez de estar orientada a funciona con varios ordenadores á vez, pretende servir para conectarse a equipos Mac e tamén a tabletas iPad.

A versión para Mac do MX Anywhere 3 é compatible co iPad

PUBLICIDADE