Lorenzana enxalza o potencial das axudas EMEGA a prol do emprendemento tecnolóxico feminino

venres, 12 de agosto do 2022 S. P.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou este 12 de agosto en Nigrán o laboratorio biotecnolóxico Proplantae, unha das iniciativas empresariais que resultou beneficiaria o pasado ano das axudas do programa EMEGA, co que a Xunta leva apoiando ao longo de 26 anos o emprendemento feminino en Galicia. Lorenzana destacou que esta iniciativa engade cada ano máis investimento e que “é un exemplo de impulso ao emprendemento feminino tecnolóxico e innovador”. Tamén lembrou que o prazo para solicitar as axudas para esta edición remata este mesmo venres 12.
Engadiu que a convocatoria para 2022 conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros, un 34% máis que o pasado ano e un 106,05% máis que ao inicio desta lexislatura. En 2020 o orzamento ascendeu a 2,1 millóns. “Apoiar proxectos innovadores, fomentando o empoderamento económico e social das mulleres e o liderado feminino é un dos piares de actuación deste Goberno a través de programas como o EMEGA”, apuntou.
Indicou a maiores que o crédito da convocatoria experimenta na anualidade 2022 “un incremento significativo”, co obxectivo de “ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero”.
O programa EMEGA comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
A contía dos apoios este ano vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

PUBLICIDADE